

O proxecto do repositorio audiovisual de Teatro Ensalle é en realidade froito da insistencia, dunha perseveranza de máis de 20 anos sen outra intención que ofrecer un servizo máis ás compañías e creadoras que participan na programación de ENSALLE. O traballo consistiu en gravar todos e cada un dos momentos escénicos que se desenvolveron na sala coa vontade non só de rexistrar senón tamén como ferramenta de análise ou difusión para as propias compañías participantes.
Ensalle Teatro
É agora, tras estes anos de traballo continuo, cando o material resultante das labores de rexistro dun programa tan singular como o da sala Ensalle, ben pode ser unha especie de patrimonio inmaterial de indubidable utilidade para comprender o acontecido nas artes escénicas contemporáneas do noso país. Con este proxecto ENSALLE pretende poñer a disposición das persoas do ámbito da docencia e da investigación unha particular viaxe escénica no tempo. E-NSALLE funcionará mediante solicitudes de acceso ao repositorio de investigadores, institucións, escolas e teatros.
A todo aquel que o solicite facilitaráselle un código de acceso gratuíto sempre que as finalidades de uso coincidan co espírito da proposta, é dicir, a investigación escénica.

Ensalle TeatroArar2018
Ata a posta en marcha de E-NSALLE, as posibilidades de nutrirse das propostas escénicas programadas na sala limitábanse xeograficamente á contorna do espazo. A partir deste momento esa limitación deixa de existir, E-NSALLE pode ser consultado e utilizado por persoas e institucións de calquera ámbito xeográfico, favorecendo así a permeabilidade cultural que consideramos que debe ter un proxecto artístico.